"http://www.w3.org/1999/xhtml"> javier iglesias ramos. fotografo. Santiago de Compostela. Galiza. A Baña e Galway. Retratos da vida.
inicio publicacións proxectos encargos arquivo o fotógrafo
REVISTA
Gaelge-English
A Casa no "Bog"

 

 

Paseaba e tomaba fotos destas paisaxes incríbles de Donegal cando atopei esta casiña derruida no medio do "bog", unha inmensa braña vella, como diría meu pai. Mil tons de verde e amarelo en contraste cun ceo azul intenso decorado de nubes brancas e grises, un río pequeno de augas limpas e montañas claras e escuras conforman unha vista idílica, de conto.

Entón ocurréuseme preguntar pola fermosa casiña e por qué era tan pequena. Se cadra vivía un solitario pastor co seu pínfano, ou millor aínda, coa súa pastora e o seu pínfano.

Non. Naquela casa viveu unha familia enteira con once fillos dos que catro xa morreran de pequeniños,, a quen o terratenente só lle deixaba un par de ferrados de braña onde plantar catro patacas e nin siquera lle permitía ter gando a pacer nas desoladas terras circundantes.

 

A beleza do bog é sobrecolledora, grandes extensións de terreo asolagado e plantas con flores de tons pastel, resistentes ó medio acedo das turbeiras e ó frío vento que varre as chairas a maior parte do tempo, exceptuando algúns meses tirando ao veran. Lagos, lagoas, pozas e regueiros de cor vermella, oxidada, completan este escenario de melancólica serenidade.

A turba para queimar na estufa, cociñar e quentar a casa é o único agasallo destas pobres terras en recursos.

 

 

A "Tears Bridge" ou "Ponte das Bágoas". Así chaman a esta ponte porque aquí era onde os familiares e veciños acudían a despedir ós que non tiñan máis remedio que marchar para América ou Australia, e se tiñan a sorte de chegar vivos aló, as máis das veces para nunca máis voltar.

Aínda hoxe estremece cruzala.